Historia

OFERTAS DE ÚLTIMA HORA
A Casa do Romualdo, do século XVI, xunto coa palleira, o hórreo, a aira, o forno e a horta, é unha mostra representativa da arquitectura popular do sur de Lugo.

Na súa restauración conservamos e potenciamos a súa esencia como espazo de acollida e convivencia. Movidos pola busca da sustibilidade e a calidade, empregamos fundamentalmente materiais naturais: pedra, madeira, pinturas e aceites ecolóxicos.

Grazas á ilusión e o bo facer achegados por familia, arquitecto, albaneis, amigos e veciños, Casa do Romualdo é hoxe un espazo aberto, tranquilo e familiar.


Retablo pétreo da Casa do Romualdo
O relevo é unha peza de enorme interese, e parece ser unha obra de arte de tipo popular (artesá e anónima, encargada polo señor da casa), probablemente da segunda metade do século XVII ou primeira do s. XVIII. Ten unhas singularidades que o caracterizan e, ao tempo, diferénciano doutras mostras de arte popular barroca (ou mesmo máis recentes) galega.

Retábulo pétreo
• En primeiro lugar, chama poderosamente a atención a policromía que conserva a peza, aínda estando feita en pedra, explicable por estar aloxada nunha capeliña de madeira, que a protexería, entre outras cousas, da luz solar.

• As representacións son tamén dunha gran orixinalidade, pois aínda que poidan ter certa similitude con petos de ánimas (relativamente numerosos na comarca de Taboada e Chantada ) e con cruceiros dos séculos XVIII e XIX, a estruturación de todas as escenas aquí presentes dá lugar a unha composición xeral moi singular :

- O sol e a lúa nos ángulos superiores e aos lados dunha estrela central que está sobre a Cruz,

- Os saións descritos na Paixón de Cristo, case voando ou levitando (probablemente porque era a única maneira de podelos representar, todos á vez, aos lados da Cruz),

- As dúas escenas colocadas baixo uns curiosísimos arcos carpanais decorados, unha delas coa "Fuxida a Exipto" da Sagrada Familia, e a outra cun San Antonio de Padua (se non fose un San Xosé con Neno, cousa menos probable dado o hábito franciscano que parece levar e que é propio de San Antón de Lisboa ou de Padua).

- A escena da parte inferior central, cunha non menos curiosa representación dun Arcanxo (loxicamente será un San Miguel que é a advocación patronal da parroquia de Vilela), matando a un Demo que ten os seus pés e boca arriba, cun aspecto máis de felino fero que de dragón demoníaco.

Aínda que a escena puidese ter certa similitude formal (un certo "aire" ou resabio) coa arte popular hispanoamericana ("indiana" ou mestiza do século XVIII ou XIX), e mesmo un carácter lixeiramente aportuguesado nalgúns elementos (como os arcos carpanais con decoración en bandas), parece lóxico concluír que, en realidade, trátase dunha obra de arte popular galega, de tema relixioso e con certas referencias semicultas tomadas das Escrituras ou doutros textos e lendas sacras, sempre de devoción popular, e na cal destaca, ademais da súa composición en escenas, a conservación da súa policromía, debido moi probablemente ao emprazamento orixinal do relevo (e aos coidados que sen dúbida recibiu).

Xuño 1998

Felipe Arias Vilas
(Director do Museo de Castro de Viladonga, Lugo)

Francisco Fariña Busto
(Director do Museo Arqueológico de Ourense)
Cofinanciado por: Asociados a:

Fondo Europeo de Desenvolemento Rexional Xunta de Galicia - Secretaría Xeral para o Turismo Xacobeo Galicia 2010 Ribeira Sacra Rural
Casa de Aldea - Grupo B Calidade Turística Compromiso de Calidade Turística Espazo sen tabaco Aceptamos animais só no exterior da casa Acceso WIFI Acéptase pago con tarxeta Cama supletoria Berce Salón de estar Comedor Lavado de roupa a clientes Grella a disposición dos hóspedes Fálase inglés Fálase francés Fálase italiano Agricultura ecolóxica Participación dos clientes en tarefas agropecuarias Instalacións para nenos Bicicletas Furgoneta a disposición dos clientes (consultar) Aparcamento cuberto